O IES do Milladoiro presenta o Mapa Interactivo da Regueifa

luns, 11 de maio do 2026 S. P.

O pasado venres celebrouse na Biblioteca do IES do Milladoiro a presentación de dúas iniciativas innovadoras arredor da regueifa, impulsadas coa participación activa do alumnado do centro e a Deputación da Coruña.
Unha das iniciativas dadas a coñecer foi o M.I.R. (Mapa Interactivo da Regueifa), unha proposta didáctica que aborda esta tradición oral desde unha perspectiva contemporánea. O proxecto materialízase nun repositorio dixital accesible que reúne contidos audiovisuais e textuais sobre a regueifa tradicional e actual, co obxectivo de contribuír á súa conservación, difusión e aprendizaxe.
En palabras das entidades creadoras, o Mapa Interactivo da Regueifa (M.I.R.) é “unha ferramenta dixital e didáctica deseñada para revitalizar, difundir e xeolocalizar a tradición oral da regueifa en Galicia”.
Os seus piares principais son: achegar un espazo dixital sen barreiras (que funciona como un arquivo vivo onde se poden localizar vídeos, audios e información sobre regueifeiros e regueifeiras por todo o territorio), unha vertente educativa (o mapa empregarase nos centros de ensino para traballar contidos lingüísticos e culturais de forma divertida, promovendo a aprendizaxe a través do xogo e a improvisación) e unha vertente visibilizadora (fará posible que identifiquemos os puntos xeográficos con maior actividade ou tradición, servindo de escaparate para o traballo de improvisadores profesionais e noveis).
Ademais, o IES do Milladoiro organizou a segunda edición do Campus de Regueifa, que se celebrou esta pasada fin de semana no propio instituto, reunindo arredor de 50 regueifeiras e regueifeiros adolescentes, xunto con profesorado implicado, nun espazo de convivencia e formación que combinou obradoiros, palestras, actividades lúdicas e a creación dun espectáculo colectivo aberto á comunidade. Esta iniciativa veu da man da área de Lingua da Deputación de Coruña en colaboración co Proxecto Regueifesta, o IES do Milladoiro e a Asociación Oral de Galicia.
A maiores, o IES do Milladoiro celebra a súa II Semana Intercultural baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”. Do 11 ao 13 de maio, o IES do Milladoiro converterase nun espazo de encontro, celebración e reflexión arredor da diversidade cultural e da convivencia coa celebración da súa II Semana Intercultural.
Durante tres días, o centro ofrecerá unha ampla programación cultural e educativa na que participarán artistas e profesionais como Mondra, Guadi Galego, De Vacas, Xavi Lozano ou Mekanika Rolling Band, xunto con entidades como a ONCE e Acougo. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Concello de Ames, de Augas de Ames e da ANPA do centro, así como coa implicación activa de familias, nais e pais e de diferentes persoas da comunidade educativa.
A programación abrangue múltiples disciplinas como o teatro, a música, as artes visuais, a danza, o audiovisual, a ciencia ou a gastronomía. Entre as actividades destacan as danzas do mundo, exposicións artísticas e fotográficas realizadas polo propio alumnado, obradoiros creativos, experiencias científicas e faladoiros interculturais, favorecendo o diálogo e a reflexión compartida. Inclúense tamén obradoiros de serigrafía e modelado en barro, así como espazos de reflexión sobre a discapacidade vista desde dentro e sobre as familias de acollida, ademais de actividades como roteiros e xincanas orientadas a fomentar a convivencia e a cohesión entre o alumnado, ampliando así as propostas de participación e aprendizaxe vivencial.